martes, 6 de outubro de 2015

XULIO VERNE: UNHA PEQUENA BIOGRAFÍA (E DE LEONARDO), por Francisco Castro



SÁBADO, 3 DE OCTUBRE DE 2015


(Hai anos, co gallo dunha exposición no Museo do Mar de Vigo arredor de Xulio Verne, encargáronme unha pequena biografía sobre o escritor francés. Aquí queda para todos vós. De paso, por certo, saíume unha de Leonardo da Vinci)
 
Imaxe obtida da páxina Famous Authors
Verne iniciou un xénero literario, o que el mesmo chamou Novelas Científicas. Ademais soubo encarnar desde a fantasía o espírito optimista e aventureiro do XIX. Foi quen de ver as posibilidades literarias do novo mundo de artefactos fantásticos e de xeografías novas que estaba nacendo. Á ciencia sumoulle a aventura. Como antes ningún outro soubo escribir o que todos estaban desexando ler. Ademais fíxoo ben, creando historias e personaxes que resisten o paso do tempo e seguen emocionando hoxe. Iso converteuno dalgunha maneira no escritor máis famoso do mundo. E así milleiros, quizais millóns, fixémonos lectores grazas, entre outros, aos seus libros. Aprendeunos moitas cousas, entre outras, a escoitar as palabras doutra maneira. Por exemplo, verbas como “expedición” non poden significar o mesmo despois de ler a Verne. El fíxonos, e fainos, soñar.
Sen embargo teño para min que el foi soñado moitos séculos antes por Leonardo da Vinci, aquel xenio (coma Verne) do Renacemento que sabía practicamente de todo (coma Verne) e que se atreveu a deixar ceibe a imaxinación deseñando aparellos fantásticos para voar ou para mergullarse no mar (coma Verne). Leonardo, que viviu dacabalo entre os século XV e XVI soñou a Verne cando escribiu o fascinante que ao futuro haberían de parecerlle algúns inventos que el só podía intuír, ou cando falou da fama que conseguiría o escritor de tales prodixios. Ese era o labor de Verne: soñar en palabras o que Leonardo só soñou en planos e proxectos e maquetas. Díxonos Leonardo falando da súa Máquina para Voar (deseñada cara o 1500, un ornitóptero –xa soñado antes, todo son soños, en 1250, con “motores e ás batentes”, polo filósofo Roger Bacon –unha especie de helicóptero): “Emprenderá o gran paxaro artificial o seu primeiro voo enchendo de asombro o mundo, divulgándose en mil escritos a súa fama”. Velaí o temos: Leonardo soñou un paxaro que voaría, soñou tamén unha máquina que navegaría por debaixo dos mares, e soñou a aquel que contaría tales fazañas. Ese será Verne. Mais deixemos polo de agora a Leonardo. Botémoslle un ollo á vida de Verne.
Ao noso autor, nos comezos da súa vida, fixéronlle moitos favores. O primeiro de todos fíxollo seu pai, a pesares de que en todas as biografías o vello Pierre aparece como un déspota intolerante e malfadado, un individuo disposto a cortar por calquera medio os anceios literarios do seu fillo (quería que fose, coma el, un respectable avogado). Sen embargo, o serísimo home de leis tiña o costume (doméstico, privado, pero fermoso) de improvisar versos de cada vez que acontecía algo importante na familia. Sabémolo porque o propio Verne así o contou. De feito recordaba con claridade os versos que seu pai recitou cando Xulio decidiu casar. Non sabemos, por desgraza, os versos que improvisaría para o pequeno Xulio aquel 8 de febreiro de 1828 cando o seu primoxénito naceu. Pero en calquera caso a poesía (cando menos o verso máis ou menos oportuno) viviu naquela casa desde sempre e xa que logo, é de xustiza outorgarlle ao pai algunha responsabilidade na primeira teima literaria de Xulio: ser poeta e dramaturgo (escribir obras en verso: todo é o mesmo). Non pensaba daquela nas novelas. Era un poeta. Pero a aventura do mar xa turraba del. E así aquel poeta aos once anos escapou de casa para enrolarse no Coralie. Digámolo con claridade: foi un mal fillo. En troques de aceptar a vontade paterna e estudar con enerxía para facerse avogado e herdar o bufete do pai como era de esperar dun neno de boa familia, o pequeno Xulio, entolecido, pretendía vivir unha vida de aventuras como mariñeiro. A idea era marchar da casa. Entrar nun barco e fundirse co mar. Porque Verne sempre foi un Home Mariño, un Peixe Barbado, un Escritor Anfibio, un Literato Acuático, un Escualo Voraz de letras e de papel. Seu pai chegou a tempo e aquel capitán de once anos, daquela aínda grumete, nunca chegará a saír. Uns anos antes, en 1831, outro viaxeiro namorado da ciencia, Charles Darwin, conseguira vulnerar a prohibición paterna para embarcar no Beagle. Verne non tivo tanta sorte e o barco, e o mar, e as aventuras, marcharán desta vez sen el. Quizais no Coralie viaxaba algún pasaxeiro chamado Phileas Pogg ou Passepartout e el non o sabía. En casa castigouno duramente (lategazos diante do resto da familia). E faralle un segundo favor. A el e sobre todo a nós. O pai mándalle xurar que só viaxará coa imaxinación. O pequeno capitán sen galóns, reprimindo as bágoas, porque os homes do mar non choran, xura, que remedio: si, a partires de agora viaxarei só coa imaxinación. E cumprirá. Se nos fixamos, practicamente todas as súas grandes obras son viaxes (despois, que triste é a realidade, o mal fillo que foi Verne converterase nun mal pai castigando –a pesares de que o rapaz detestaba a idea– ao seu fillo rebelde, Michel, de quince anos, a marchar embarcado cara a India coa idea de así reformar o seu mal comportamento). O terceiro favor fíxollo súa prima Coraline. Aprendeulle a descubrir a vida pola súa parte máis dura. Abriulle os ollos rompéndolle o corazón. Namorou dela como namoran os mozos de dezasete anos, é dicir, namorou de verdade. Escribiulle unha obra, a primeira de todas. Unha peza para monicreques. A pesares do xesto, romántico e valioso (¿cantos mozos daquel tempo, de calquera tempo, escriben versos para gañar o amor das mozas?) ela non lle corresponde. Incluso máis, ingrata: ese mesmo ano casa con outro. A súa prima, insistimos, fíxolle un favor. Cada un disfraza os seus traumas como pode. Algúns cantan cancións ou escriben libros. Outros rachan co mobiliario urbano. Verne, machucado (para sempre) por ese non da súa prima fermosísima, dará en desenvolver unha fina ironía, un humor sarcástico como parapeto fronte as durezas da vida que será case que marca esencial de moitas das súas máis atractivas personaxes (Nemo, sobre todo, Nemo).
Aos vinte anos marchou a París. E París sempre foi a liberdade (lembremos os versos de Jorge Amado: Nesta cidade de París tamén os vellos/teñen dereito a bicarse“). Aterrou á beira do Sena en 1848. Ano de revolucións. A vida chouta libertaria e excitante entre as súas pedras cargadas de posibilidades. Agora é libre para escribir a pesares de que seu pai recortaralle o envío de cartos para que non os gaste en libros e poida centrarse, así, nos estudos de Dereito. El, teimudo, botou seis días enteiros comendo só pan e bebendo só leite para aforrar e poder mercar as obras completas de Shakespeare. Aínda quere ser dramaturgo. Escribe moito. Curiosamente, compón unha obra, mediocre, sobre os amores de Leonardo e A Gioconda. Despois, esa obra leralla aos membros da Academia de Letras de Amiens o 22 de Maio de 1874, como discurso de ingreso, cando xa é un escritor mundialmente famoso. De París vén a súa amizade con Dumas (pai), quen lle deu a oportunidade de estrear a súa primeira obra. Foi un desastre (20 francos como todo beneficio despois de algo máis de dez representacións). O fracaso non o desanima. Estuda e se licencia. E como o noso Castelao, que dixo que se fixo médico por amor ao pai pero que non exercía por amor á Humanidade, Verne entenderá que a pesares de ter o título de Dereito, como seu pai quería, vai ser un pésimo avogado. Nunca exercerá. Agora só quere escribir.
Leonardo dixo: “A práctica debe sempre ser edificada sobre a boa teoría”. Ou o que é o mesmo: que para escribir hai que saber. Verne empeza a estudar compulsivamente todas as materias que coida importantes. Pasa case que toda a mañá na Biblioteca Nacional.Como Leonardo, que tocou todos os instrumentos da ciencia e da arte do seu tempo, que estudou de todo e leu de todo, Verne fagocitará coa súa imaxinación lúcida, todos os saberes do momento. Nada escapará á súa curiosidade. As coincidencias entre os dous son asombrosas. Repare o lector na seguinte cita de Leonardo, e asómbrese: “De como é posible por medio dun aparato permanecer algún tempo debaixo da auga; por que me nego a describir o meu procedemento para permanecer baixo da auga por todo o tempo durante o cal sexa posible prescindir de alimentarme. Non o publico e non quero explicalo, temendo o carácter malvado dos homes, que aplicarían este dispositivo con fins de destrucción, empregándoo para esnaquizar desde o fondo do mar o casco dos buques e afundilos coas súas tripulacións”. Leonardo, como Nemo, entendeu que o submarino tiña que ser un segredo. Lembremos que Nemo informará aos tres visitantes-cautivos que non poderán saír xamais do Nautilus. O capitán tiña medo de que a humanidade tivese noticia da existencia do submarino e que a cobiza e o afán destructivo do que xa falaba da Vinci, pasara a presidilo todo. Leonardo chegou tamén a presentar un modelo de escafandro. A imaxe dos mergulladores saíndo a pescar coas escafandros, entre un bosque mariño cheo de verdes e de esperanzas ou recollendo os nosos galeóns na Ría de Vigo, son dúas das máis fermosas imaxes de 20.000 leguas baixo dos mares. Emocionaron no seu tempo. Marabillan aínda hoxe. Que soños tan fermosos.
En 1856 coñece a unha viúva aínda nova. Honorine de Viane vai ser a súa muller. Chega o matrimonio. Que non o amor. Verne, para felicidade de seu pai, aburguésase. Xa ten casa e familia. Pero aburguésase pouco: faise axente de bolsa, coma o seu cuñado, porque é un traballo que lle deixa tempo para escribir. Aos 32 anos chégalle, por fin, non era sen tempo, o mar. O mar desexado. Produciralle o mesmo impacto aquela primeira travesía que a tantos outros grandes literatos da historia (repase o lector, por exemplo, Polo mar de Cortés, de John Steinbeck). Navega ata Escocia. Xa non é, desde logo, un capitán de quince anos. Nin sequera un grumete de once á procura de experiencias e de vida. É un señor burgués de mediana idade cun traxe burgués de mediano corte e un futuro burgués de mediana esperanza. Pero o mar, segue sendo excitante e marabilloso. O mar segue sendo ceibe. Quen puidera navegalos todos. Quen puidera mergullarse aí e non afogar. Dous anos máis tarde (sempre convidado, aínda non ten o seu propio barco), as ondas lévano ata Noruega. A súa muller fica en terra, co embarazo moi avanzado. A el tanto lle ten e marcha igual (xa o dixemos: ten o matrimonio, xa é Unha Persoa de Orde aos ollos de todos, pero non o amor). Á metade, ten que volverse. O fillo, rebelde desde o primeiro, decidiu nacer antes de tempo. Mais aquel fillo, sen el o saber, vai mudalo todo. A paternidade faille esquecer o teatro e a poesía. Ten xa 35 anos. Ao nacer o seu fillo empeza a escribir doutra maneira e chega o que será o seu primeiro gran éxito, Cinco Semanas en Globo. Atopa o seu camiño. E atopa a Hetzel, o seu editor e amigo e pai e crítico e conselleiro (e, din as malas linguas, explotador). Antes fora rexeitado por máis de 15 editores. É de supor que aínda hoxe andarán a bater as súas cabezas, ou o que reste delas, na tomba. Hetzel, vendo con claridade o proxecto de Verne, ponlle diante un contrato por 20 anos. O proxecto son as Viaxes Extraordinarias: escribir a grande novela da ciencia. Está obrigado a escribir tres novelas por ano. Cobrará 1925 francos por cada libro (tempo despois, o editor, agradecido polo éxito, elevará a suma a 3000 francos por obra). Velaquí chega o Verne máis abraiante no mellor sentido da palabra. Empeza a publicar obra tras obra cumprindo coas esixencias do contrato. Todas teñen algo de valor pero, para min, o mellor Verne vai ser o dos primeiros quince anos. Reparemos nas datas. Entre 1863 e 1879, entre outras, publica: Cinco Semanas en Globo, Viaxe ao Centro da Terra, Da Terra á Lúa, Os fillos do Capitán Grant, 20.000 leguas baixo dos mares (para el, o seu tema máis fermoso, xa o sabemos, a viaxe polo mar. Pero tamén o seu personaxe máis amado: quere tanto ao seu capitán que cando Hetzel pretende que “suavice” as tendencias políticas de Nemo, Verne enfróntase por primeira e única vez a el. Sempre atendía as suxestións do editor. E cambiaba o libro enteiro se Hetzel así o quería. Pero Nemo é intocable. Nemo é, suxiro, máis de Verne que outros moitos personaxes. En Nemo hai moito de Xulio. Así que é moi firme co editor: ou Nemo é así ou non sairá o libro), A volta ao mundo en 80 días (esta obra fíxoo rico e famoso en medio mundo), Miguel Strogoff, Un Capitán de 15 anos, e As Tribulacións dun Chinés na China. Todas esas (e moitas máis) en só quince anos. Carlos Casares dixo unha vez que a mellor época creativa para un autor é entre os 30 e os 50 anos. Como vemos, levaba toda a razón o noso escritor. Estamos diante do Verne máis maduro. Está pletórico, seguro de si mesmo e disposto a conquistar o mundo co seu traballo. É ben certo: a calquera outro escritor, idear nove obras marabillosas como as que acabamos de citar, levaríalle unha vida completa. El fíxoas, practicamente, unha detrás das outras. Despois de Viaxe ao Centro da Terra o éxito é incuestionable. As obras van aparecendo primeiro por entregas no Jornal des Debats (publicación de enorme prestixio na que colaboran nomes senlleiros da época coma Nietzsche), e chegan a darse cadros de ansiedade en moitos lectores que seguen con paixón esas aventuras e esas viaxes antes nunca maxinadas. O público devece por saber como seguirá a historia. Moitos non aturan a espera. Hai, incluso, quen as toma como verdadeiras (houbo incluso reservas para ocupar praza no foguete que ía levar aos homes á lúa. Algo así pasáralle a Jonathan Switz coas Viaxes de Gulliver do 1726, dalgunha maneira, un precedente das Viaxes Extraordinarias: reparemos en que o subtítulo que Switz lle puxo foi Viaxes por varios lugares remotos do planeta. Moitos creron que os países que visitara Gulliver realmente existían). As súas personaxes están vivas. Nemo máis que ningún outro. Están na rúa, na boca de todos. Os xornais veranse na obriga de levar á primeira páxina adiantos dos libros de Verne ou, incluso, a ofrecer un resumo da novela por entregas que estea a publicarse, ¡na competencia!
Agora viaxa. E faino por pracer. Non precisa que ninguén o convide. Vai a Nova York en 1867. Ten cartos. E vai mercando, era de esperar, barcos. Un veleiro. Despois, un iate de vapor. Sairá do seu despacho para escribir a historia do capitán Nemo a bordo do St. Michel. Xa o dixemos: ama o mar. Por iso, ao final, cando xa non poida viaxar, venderá o barco. Para non velo e non sufrir. O mar, coma unha serea, segue chamando por el coa súa canción seductora de sempre. Verne prefire non oír. Os últimos anos serán terribles. Abandónalle a saúde. De feito, nunca tivera moita. Parálises faciais continuas. Diabetes. E xa contra da fin, o peor de todo. A cegueira. Coma Borges, pedirá que lle lean. Ler era esencial para o escritor arxentino e para Verne. Ambos os dous dedicaban parte do día á lectura. Unha vez cegos, conformáronse con escoitar o que outros ollos lían para eles. Pero o de Verne vai ser peor que o de Borges. Porque a diabetes déixao xordo e nin sequera pode escoitar o que lle len. Agora, xa nada ten senso. Agora é un náufrago.
Séculos antes, Leonardo, que soñou a Nemo e a Verne e algunhas das marabillas que Xulio vai poñer despois en papel, escribiu pensando en el sen saber que pensaba en ninguén: “¿Quen non preferirá perder o oído, o olfacto e o tacto antes que a vista? Porque quen perde a vista é coma un home desterrado do mundo, posto que xa non pode velo nin ver cosa algunha; e unha vida semellante é irmá da morte”. Leonardo explicáballe a Xulio que unha ollada apagada que non pode ver o mundo é unha especie de chamada á morte. O pobre de Xulio, que contemplara todo o universo, o que se ve, pero tamén o invisible (o fondo do mar, a superficie da lúa, o futuro, o interior dos volcáns, o centro da terra, os nosos tesouros afundidos en Rande...), xa non podía ver nada. Cos ollos pechos para sempre, o recendo do mar xa non é un consolo. É só a evidencia dunha fatalidade. Quizais por iso as súas derradeiras obras, a medida que medraba a súa invalidez e quizais moi condicionadas por unha sucesión de desgrazas (un sobriño louco disparáralle nunha perna, morren o seu editor, o seu irmán Paulo, a súa nai...), son pesimistas e moi diferentes ás anteriores. Seguen engaiolando ao seu público fiel, pero non teñen o vigor, nin a ledicia, se é permitido dicilo así, que tiñan antes. A ciencia xa non a ve como a solución a todo. Esa era unha premisa indiscutible antes. O positivismo percorría o século XIX e Verne foi o seu profeta. Agora a ciencia é unha fonte de problemas. Unha vez máis, anticipouse. Non teño dúbidas de que se escribise hoxe, estaría entregándolle a Hetzel novelas de corte ecolóxica, explicándonos os problemas que o aire, a terra, e sobre todo o mar, soportan polo uso irracional da tecnoloxía e da propia ciencia. Leonardo soñou a Verne. E Verne soñou o futuro e soñounos a nós. Nós soñámolos a todos e proxectámonos cara adiante. Sabemos que os seus libros seguirán venerándose dentro doutros cen anos. Que seguiremos abraiándonos ao comprobar como foi capaz de maxinar tantas cousas que despois sucederían. Seguiremos vendo como os seus libros continúan atrapando a xeracións enteiras para a lectura. Veremos á xente tremer coa emoción ao coñecer a Nemo, libertario, independente, xusticeiro, dono de seu. E de cada vez que dentro de milleiros de anos, alguén bote un ollo ao estreito de Rande, imaxinará, aí abaixo, a uns mergulladores felices, apañando aquel tesouro afundido, inmortal, porque Nemo está vivo, grazas á fantasía poderosa de Verne, navegante de todos os mares, cosmonauta de todas as imaxinacións.
Principio del formulario

-------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Agradecemos a Francisco Castro, autor deste artigo, que nos permitira engadilo ao noso proxecto educativo.
-------------------------------------------------------------------------------------------------------------