O camiño



Botaremos a andar lendo a obra de Jules Verne, A volta ao mundo en 80 días (na edición galega de Xerais). Detrás de Phileas Fogg, deterémonos en distintos lugares e buscaremos información, servíndonos das novas tecnoloxías, arredor das linguas dos pobos que habitan eses lugares. Recolleremos a información de xeito individual, en Fichas, que gardaremos para engadir ao produto final da nosa viaxe.

Recalaremos moi especialmente na Península Ibérica que habitamos, para averiguar que linguas e que pobos ocupan este territorio do sur de Europa. Investigaremos en internet e recolleremos, individualmente, os datos nunha Presentación Informática que, posteriormente, exporemos na aula.

Deterémonos, tod@s xunt@s, nalgúns fragmentos da nosa lectura, para aprender novas palabras, para memorizar visualmente a súa ortografía ou para averiguar entre tod@s de que tipo de palabras se trata. Poñeremos en práctica o aprendido a través de Actividades sobre o Funcionamento da Lingua.

Vogaremos con vento a favor cando sexamos quen de producir novos textos que imiten aqueles cos que facemos a nosa singradura. Para isto teremos unha Guía que nos servirá de modelo.

Arribaremos cando acabemos a nosa volta ao mundo e traiamos con nós as 80 linguas que fomos procurar, ademais de moitas ganas de usar a nosa. Nese momento estaremos en condicións de elaborar un Mural no que, entre tod@s, pintaremos un mapamundi. Debuxaremos a contorna dos continentes e a dos países polos que viaxamos. Engadirémoslle os datos das nosas Fichas e da nosa Presentación Informática.

Ollando o mapamundi, lembraremos coa memoria colectiva a nosa viaxe e avaliaremos canto medramos. Entón, se nos sentimos máis sabi@s, se o produto nos agrada, asinaremos a nosa obra e cantaremos, xunt@s, a Rianxeira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario